Xabier Cordal sobre Hara
Ao principio era o espazo
Ningún Verbo daría danzado
Sen el, ningunha onda, a primeira
Ningunha onda redonda, un vagalume
No porto de Buenos Aires,
Coma unha emoción que pasa de mao en mao
O espazo non está baleiro
O baleiro non ten caos, nin memoria
Non podería estar roto
Conformar un hexámetro, escribir un nocturno
Coa elegancia febril da tuberculose porque as emocións
Non gobernan o tempo. As medusas as teipas
Poden moverse se algo nelas é distinto da auga
A danza está desvalida, sabe
Que o espazo é máis antigo.
Só vida e conciencia
Poden trazar unha onda e despois rompela
Ao principio era o espazo, bailamos
A nosa rebelión contra el non ocupa un baleiro
Ocupa o sentido.
Escoitade os vosos corazóns
E sentiredes non o baleiro, senón o seis por oito roto
Da memoria, cando un poeta, hai oitenta e cinco anos,
Apenas puido moverse ao escoitar as medusas,
Quero dicir, os disparos en Campo Castelo e o noso destino é esquecer iso
Rompemos En silencio rompemos
É a dor a que nos lembra a nós
A memoria rompe, queda en silencio igual que un corpo
Dubidamos entre fundalo outra vez ou
Sen máis Navegalo
Sabemos que refundalo é recordar (traer ao corazón, outra vez, outra vez)
A memoria espantosa do informe
Medir os pasos, dobrar a roupa, realizar unha ofrenda
Estertores
Somos estraños, toupas, medusas
Mecanismos, John Cage
Diles que no me maten
Por favor, diles
Que no me maten
Mira, teño un corpo, pero non son un corpo
É todo o que teño
Mira, ese é o horizonte
Ti tamén vas quedar aí, coma unha cousa
Viñas da época do sentido,
Esquece todo, rematou, di mecanismo,
Tormenta, ruído, b52, guirlandas de ácido
Máis rápido que o son, máis rápido que a creación
Voan os bombardeiros invisibles
E como Shiva peta cos seus pés tóxicos
Acerca da destrución do mundo
O xirar aéreo dos seus pés debuxa algo que segue rotando
Alleo á confusion das órbitas, un derviche sen cabeza
A radiación de microondas do universo
Son restos Somos restos dunha fundación
Ti viñas da época do sentido?
Cal é o teu nome? O teu corpo, cal é?
Sabes que está aí só
Porque doe
Bebe, bebe un pouco de auga
Traza unha onda
Ofrécea
Ofrécea
Ese será o teu nome
Violetas
A flor da ortiga,
Violetas