top of page
Foto Hara 2020.jpg

TALLER DE PÚBLICO

Lámpara

Xoves 22 e 29 de outubro, de 18 a 20h

Se asistir ao teatro é unha experiencia transformadora, sen dúbida o noso rol como público(s) vai moito máis aló do rato que pasamos nunha butaca. Este taller está pensado para afondar nas posibilidades e resonancias que esta experiencia pode provocar, tanto en cada un ou cada unha de nós individualmente, como no conxunto das persoas que participamos do acontecemento singular e único que é sempre unha obra escénica. Para isto, abriremos portas a todo aquilo que nos leva a ser público(s) despertos e activos, compartindo materiais e recursos sobre as linguaxes contemporáneas do movemento, sobre os procesos e obras dos creadores que están a darlles forma, sobre a experiencia do efémero, e sobre o que acontece despois de asistirmos á escena. Traballando a mirada dende o corpo sensible. A programación do LED serviranos como fío para a reflexión e o debate. As dinámicas do taller serán diversas, mesturando a teoría e a práctica, e procurando abordar a experiencia de sermos público(s) dende distintas prácticas que alimenten o debate –dende o visionado de vídeos e imaxes, pasando por lecturas comentadas e referencias, ata pequenos exercicios de escrita.

O Taller de Público(s) é unha proposta desenvolvida inicialmente no marco da Programación Expandida do TRCDanza dende 2018, que se extende agora ao ciclo LED de Lugo como colaboración especial entre ambos programas de mediación.

A proposta está a cargo de Sabela Mendoza e Caterina Varela; a primeira, investigadora e xestora cultural centrada nas artes escénicas e a creación contemporánea, especialmente no estudo da danza e a análise de políticas culturais, e a segunda, bailarina e artista en activo así como coordinadora de proxectos para o impulso das artes vivas no noso territorio, forman o equipo que virá abordar as dinámicas deste taller de público(s) no que analizar as distintas liñas de acción dos artistas do corpo hoxe en día. O obxectivo é compartir e conversar sobre as distintas derivas que emerxen no campo da danza e da creación contemporánea, acompañando a programación do LED. Un convite a todas as persoas interesadas no campo da danza e da creación contemporánea, curiosas de ampliar a súa mirada dende unha posición de espectadoras activas.

bottom of page